Fundación Xavier Pousa

Biografía > 1951-1960

1951Ingresa na “Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando” de Madrid.

Continua asistindo ás clases do “Círculo de Bellas Artes” e presenta un cadro á exposición que se realiza coas obras do alumnado, conseguindo unha beca para asistir gratuitamente ao centro o ano seguinte.

En xuño xunto con Francisco Góngora organiza unha exposición de pintura en Madrid e en outubro realiza a súa primeira mostra en Pontevedra na obra Sindical “Educación y Descanso”.
 
 
  1952Participa no X Salón de Artistas Alumnos do Círculo de Bellas Artes de Madrid, da que recibe unha boa crítica no diario “El Pueblo gallego”.  

No verán fai a primeira viaxe a Francia e asiste como alumno libre á Escola de Belas Artes de París para estudar o movemento impresionista e coñecer as novas tendencias da arte. O poeta Cuña Novás preséntalle nesta cidade a Manuel Colmeiro.
 
 
  1953A “Real Academia de Bellas Artes” concédelle o premio de Estado “Carmen del Rio”, premio concedido ao mellor cadro pintado na asignatura de colorido e composición da Escola  de Belas artes de San Fernando de Madrid.

Viaxa, co escultor Xoán Piñeiro (co que compartía estudio en Vallecas), a Italia facendo un percorrido por diversas cidades co obxectivo de coñecer e estudar aos artistas do Renacemento italiano, como Piero della Francesca, Donatello, Ghiberti, Massaccio, Botticelli.
 
 
  1954Viaxa a Francia, Alemania, Holanda e Bélxica para estudar a pintura holandesa e flamenca, principalmente nas cidades de Amsterdam, Gante e Bruselas. En Holanda atópase coa obra de Van Gogh da colección Kröller-Müller, que o impresiona fondamente.

A finais de ano realiza uns retratos a Otero Pedraio, Ramón Cabanillas, Carballo Calero e Montero Díaz.

Coñece á pintora Julia Minguillón.
 
 
  1955Realiza unha exposición na Sala Macarrón con varios compañeiros da “Escuela de Bellas Artes de San Fernando”: Mercedes de la Torre, Segura Clemente, Godofredo Giménez, Egea Azcona e Alfonso Fraile.

Concédenlle a bolsa de paisaxe de “El Paular” de Segovia onde pinta os campos de Castela, expoñendo a súa obra nesta cidade e no Centro Segoviano de Madrid.

Participa no “XXVII Salón de Otoño” no Museo Municipal de Madrid.

Viaxa a Barcelona con Xoán Piñeiro e Grandío que están presentes na Bienal de Arte desta cidade.
 
 
  1956Obtén o “Premio Sésamo” polo cadro “Praza de Santo Domingo”, doado ao Museo de Belas Artes de A Coruña.

Remata os seus estudos na “Escuela de Bellas Artes de San Fernando”.

Coñece en Santiago de Compostela a Carlos Maside co que comparte magníficas charlas.

Con excelente acollida da crítica, realiza na galería Macarrón de Madrid a súa primeira mostra individual nesta cidade. Practicamente a totalidade da obra desta exposición foi vendida a coleccionistas de Lima, California e Caracas, quedando outros en Madrid.

En verán volta a Austria e Italia, pasando de novo por Venecia, onde pintou algúns cadros. Queda a residir, ata novembro, en Munich onde asiste a un curso na súa Escola de Belas Artes, aquí vive no barrio bohemio de Schwaving, e toma o seu primeiro contacto cos pintores expresionistas da posguerra.

En Munich realiza  unha exposición da súa obra na Internacional Hous.
 
  1957-58-59Segue a vivir en Madrid e compra un estudio nesa cidade.

Cumpre cos seus deberes militares e sobrevive vendendo algún que outro cadro e facendo retratos.

Nesta época segue moi en contacto co mundo intelectual de Madrid, asistindo ás tertulias do Café Gijón, o Lion Dór e ao Club de Amigos da UNESCO.
 
1960Regresa a Galicia para expoñer na Sala Foto-Club de Vigo. Nesta mostra vaise perfilar o que sería a súa traxectoria posterior, reafirmándose máis na corrente figurativa coa achega das experiencias anteriores noutras tendencias.  
 


DESCARGAR BIOGRAFÍA


 
Fundación Xavier Pousa © 2024. Todos os dereitos reservados.